Ao redor de 40 voluntarios, entre empregados e familiares, participaron esta fin de semana na conservación do Parque Rexional do Sueste (Madrid).

  • Esta iniciativa enmárcase nun programa de voluntariado ambiental corporativo posto en marcha pola compañía enerxética, co obxectivo de fomentar entre os seus empregados unha actitude positiva na conservación do medio natural.

Ao redor de 40 voluntarios, entre empregados de GAS NATURAL FENOSA e familiares, participaron esta fin de semana nun proxecto de conservación do Parque Rexional do Sueste (Madrid). Durante a xornada de voluntariado, organizada pola compañía enerxética xunto coa Fundación Global Nature e coa colaboración da Comunidade de Madrid, realizáronse diferentes actividades no medio coñecido como o ‘Soto de las Juntas’ (Souto das Xuntas), onde se unen os ríos Manzanares e Jarama.

Este espazo protexido, definido por cortados xesíferos e numerosas lagoas, alberga especies únicas, como a londra e o falcón peregrino, e bosques de ribeira incluídos na Rede Natura 2000 polo seu alto valor de conservación. Co fin de rexenerar o bosque de ribeira, plantáronse 175 especies autóctonas de ribeira (como olmos e freixos), cedidas polo viveiro do Organismo Autónomo de Parques Nacionais.

Na zona de plantación xa se retiraran previamente numerosos exemplares de ailanto, planta invasora que xera serios problemas de conservación. A plantación levada a cabo polos voluntarios serve, polo tanto, non só para rexenerar o bosque de ribeira característico da zona, senón tamén para previr a reaparición do ailanto.

Tamén se fixo unha plantación por estacas de salgueiros da zona para crear un pequeno viveiro, que será utilizado en próximas actividades. Por último, un experto realizou unha demostración do labor de anelamento de aves e a importancia desta actividade no marco da conservación e coñecemento da biodiversidade. Todas as actividades vinculáronse á divulgación dos valores ambientais dos bosques de ribeira e á problemática das especies invasoras na conservación do medio natural.

Esta xornada enmárcase no Programa de voluntariado ambiental corporativo posto en marcha pola compañía enerxética, co obxectivo de fomentar entre os seus empregados unha actitude positiva na conservación do medio natural en ámbitos naturais próximos aos centros de traballo de Madrid e Barcelona.

O obxectivo do programa é lograr que os voluntarios perciban a relación que teñen coa natureza e cos seus compañeiros dun xeito moi diferente ao habitual e darlles a oportunidade sobre o terreo de observar e mellorar o seu ámbito natural.

Compromiso co medio ambiente e a contorna

GAS NATURAL FENOSA mantén un firme compromiso coa sociedade e dende hai anos foi desenvolvendo unha cultura empresarial de respecto e sensibilización polo medio ambiente e a mellora da contorna que é permanentemente trasladada aos seus empregados, clientes, subministradores e á sociedade en xeral.

Seguindo esta liña, a compañía incorpora o compromiso coa preservación da biodiversidade ao desenvolvemento de todos os seus negocios e actividades, e definiu unha estratexia en sostibilidade ambiental que se fundamenta nestes tres obxectivos: minimización dos impactos sobre os ecosistemas, conservación do capital natural e mitigación do quentamento global.

Fundación Global Nature

A Fundación Global Nature traballa dende hai máis de 20 anos na conservación de espazos e especies, así como na restauración de ecosistemas degradados, con especial dedicación ás zonas húmidas. Durante estes anos, a Fundación colaborou con entidades públicas e privadas co fin de desenvolver actividades encamiñadas a conservar a biodiversidade, tanto en España coma no marco de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Como fundación benéfico-docente, todos os proxectos da entidade teñen un compoñente de sensibilización ambiental, que se desenvolve a través de cursos, obradoiros ou voluntariados corporativos sobre o terreo.

 Madrid, 10 de marzo de 2015 

Imaxes