• A mostra, que xira arredor da relación do ser humano coa Natureza, acolle cinco videoinstalacións, unha serie fotográfica e unha serie de debuxos.
  • Ecoloxías do Drama, que se poderá visitar ata o 10 de setembro de 2017, é a primeira exhibición individual completa de Eija-Liisa Ahtila en España.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) inaugura hoxe na Coruña a exposición Ecoloxías do Drama de Eija-Liisa Ahtila, artista visual e cineasta finlandesa recoñecida internacionalmente. A mostra, que xira arredor da relación do ser humano coa Natureza, acolle cinco videoinstalacións, unha serie fotográfica e unha serie de debuxos.

Para a directora do MAC, Carmen Fernández Rivera, foi unha grande oportunidade para o Museo presentar a obra dunha artista tan recoñecida internacionalmente como Eija-Liisa Athila, que xa nos seus primeiros traballos, nos anos 90, chamou a atención dos críticos. As súas coidadas instalacións son intelectualmente provocativas e visualmente impresionantes. Paga a pena dedicar tempo a admirar cada obra e intentar afondar na comprensión da realidade que quere amosarnos.”

O amor, o sexo, os celos, a ira, a vulnerabilidade e a reconciliación son algunhas das emocións que están presentes nas obras de Ahtila. A artista finlandesa describe o seu traballo como “dramas humanos”, relatos de ficción que xorden de longos períodos de investigación, así como das súas propias observacións e experiencias. Nas súas últimas obras, tamén reflexiona sobre a fronteira entre o “eu” e o “outro”, convidando o espectador a mirar dentro da mente de individuos que se atopan atrapados en momentos de fraxilidade psicolóxica.

Dende mediados da década dos 90, Eija-Liisa Ahtila (Hämeenlinna, Finlandia, 1959) participou en festivais internacionais de cine e certames do sector. En 1998, estivo presente na 2ª edición da Bienal Europea de Arte Contemporánea Manifesta. Con exhibicións colectivas e individuais, Ahtila percorreu as salas dos principais museos de arte contemporánea do mundo. O seu vídeo polisémico Consolation Service, no que formula unha deconstrución da ilusión cinematográfica, foi premiado na 51ª Bienal de Venecia (1999). No 2000, Ahtila gañou o Vincent Award. En 2002, expuxo na Tate Modern, no 2006 exhibiu o seu vídeo multi-pantalla The Wind no MoMA, e no mesmo ano gañou o Artes Mundi Prize en Cardiff, Gales.

A súa obra forma parte de prestixiosas coleccións en museos como o Kiasma e Tampere (Finlandia), Tate Modern (Inglaterra), o Stedelijk Van Abbemuseum de Eindhoven (Holanda), Museo de Lyon (Francia), MoMA e SFMoMA (EE.UU.) e de coleccións privadas en Italia, Suíza, Alemaña e Estados Unidos.

Ecoloxías do Drama, que se poderá visitar ata o 10 de setembro de 2017, é a primeira exhibición individual de Eija-Liisa Ahtila en España.

As Ecoloxías do Drama de Eija-Liisa Ahtila

A artista e cineasta finlandesa Eija-Liisa Ahtila comezou a traballar na década dos oitenta, tras formarse na Free Art School de Helsinki. Máis tarde estudaría tamén na School of Management, Filme and Video de Londres (1990-91) e no American Film Institute de Los Ángeles. Ahtila foi pioneira no seu país no uso e difusión da videoarte e, ao longo da súa traxectoria, consolidouse nunha figura de referencia neste xénero.

Plasmados con grande oficio, as súas narrativas experimentais e os seus emotivos retratos de personaxes gañaron o interese do público e o eloxio da crítica internacional. Os seus filmes e instalacións transmiten unha sensación de familiaridade contemporánea que, combinada cunha aguda singularidade, confírelle ao estilo de Ahtila o seu selo distintivo.

O seu traballo organizouse conceptualmente na construción da imaxe, a linguaxe, a narración e o espazo. Utilizando a linguaxe visual cinematográfica, Ahtila presenta instalacións a grande escala nas que proxecta imaxes a través de varias pantallas para posibilitar narracións diferentes e simultáneas e permitir puntos de vista múltiples. Estas condicións de visualización simultánea permiten romper a idea da perspectiva do cine e constrúen unha nova experiencia de espazo e tempo coexistente.

Nas súas películas e instalacións fílmicas –que comprenden pezas xa emblemáticas como The Annunciation / A Anunciación de María, Where is Where / Onde está onde ou The House / A casa – investiga os procesos de percepción e atribución de significado, en ocasións dende perspectivas temáticas e culturais concretas, como o colonialismo, as crenzas relixiosas ou o ámbito da biopolítica.

Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) é un centro multidisciplinar de cultura contemporánea, un espazo dinámico, flexible e aberto, que combina a actividade expositiva coa integración e participación cidadá, co fin de estimular a creación artística dentro de todos os ámbitos culturais.

Ao longo dos anos, o MAC consolidouse non só como sede expositiva, senón tamén como un lugar de encontro para artistas, afeccionados e público, ademais de ofrecer un amplo programa de actividades culturais, educativas, sociais e artísticas que inclúen exposicións temporais, ciclos de conferencias, talleres para escolares e para profesionais.

A Fundación Gas Natural Fenosa reorientou a súa actividade cara a temas máis sociais e por iso a empresa agrupou todas as actividades culturais e integrounas na entidade. Así, o Museo de Arte Contemporánea pasa a formar parte da Fundación Gas Natural Fenosa, que xa conta co Museo do Gas, en Sabadell, e o Museo da Central Hidroeléctrica de Bolarque, en Guadalaxara.

 

A Coruña, 27 de abril de 2017.

Imaxes

A obra 'The Houe'. 

Informe de Prensa

  Ecoloxías do Drama (PDF 700 Kb)