• Os accionistas de Naturgy aprobaron as contas individuais e consolidadas do exercicio 2018, marcado por un ámbito macroeconómico complexo, e durante o cal a compañía enerxética mostrou os primeiros resultados da aplicación do seu Plan Estratéxico, presentado ao mercado o pasado xuño.
  • A Xunta Xeral avalou a xestión do equipo directivo no seu primeiro ano á fronte da compañía durante o que Naturgy mellorou os seus resultados ordinarios e xeración de caixa grazas á evolución do negocio e á venda de activos considerados no Plan, que se destinou ao crecemento da súa base de activos, redución de débeda e remuneración ao accionista.  
  • A Xunta aprobou un dividendo total en efectivo de 1,30 euros por acción con cargo aos resultados de 2018, un 30 % máis que no 2017. O vindeiro día 20 de marzo aboarase en efectivo o dividendo complementario de 0,57 euros por acción.
  • Os accionistas avalaron a redución de capital mediante a amortización de ata 19 millóns de accións propias antes do 30 de xuño. Esta medida é consecuencia do programa share buy back contido no Plan Estratéxico e que complementa ao pagamento de dividendos como parte da remuneración total ao accionista.
  • Así mesmo, informouse sobre a modificación do Regulamento do Consello de Administración e as súas Comisións para afondar na simplificación do goberno corporativo e nas melloras que contribúen a facer máis eficientes as estruturas da compañía.
  • A Xunta Xeral de Accionistas ratificou o nomeamento de Scott Stanley como conselleiro dominical (por proposta de GIP), en substitución de William Woodburn. Scott Stanley tamén formará parte da Comisión de Nomeamentos e Retribucións.

O presidente executivo de Naturgy, Francisco Reynés, presidiu a Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas da compañía, que tivo lugar hoxe en Madrid, na que os accionistas aprobaron os resultados así como o informe de xestión da compañía correspondente ao exercicio 2018.

Así mesmo, a Xunta aprobou, con cargo dos resultados 2018, un dividendo total de 1.300 millóns de euros en efectivo, tal e como recolle o seu actual Plan Estratéxico. Esta cifra representa o pagamento en efectivo de 1,30 euros por acción (un 30 % máis que en 2017). Deste importe, a compañía xa aboou 0,28 euros o pasado mes de xullo e 0,45 euros no mes de novembro. Naturgy aboará, tamén en efectivo, un dividendo complementario de 0,57 euros durante este mes de marzo.

Os accionistas aprobaron tamén a redución de capital mediante amortización, antes do 30 de xullo, de ata 19 millóns de accións propias dentro do programa share buy back que a compañía puxo en marcha tras a presentación do Plan Estratéxico. Este programa persegue aumentar a remuneración total ao accionista en caso de ausencia de oportunidades de investimento inorgánico que encaixasen coas liñas de crecemento estratéxico de Naturgy. Ata o 1 de marzo, a compañía recomprou accións con esta finalidade por un importe de 200 millóns de euros.

“O 2018 foi un exercicio de relanzamento. Un ano no que Naturgy definiu as bases da súa transformación para converterse nun referente internacional, no que presentamos unha folla de ruta ata 2022 e un plan de acción claro baseado nos nosos catro piares fundamentais para a creación de valor. Tamén estreamos nova estrutura accionarial, renovamos o Consello de Administración e aplicamos unha nova estrutura directiva, fitos relevantes deste exercicio onde destaca o noso compromiso plasmado no Plan Estratéxico 2018-2022”, remarcou Francisco Reynés ante os accionistas.

Fitos relevantes

O presidente da compañía explicou os principais fitos de actividade de Naturgy durante o exercicio, entre os que remarcou a renovación do acordo de subministración de gas con Sonatrach e o laudo favorable do CIADI por Exipto, con homologación en Reino Unido. A compañía, en calquera caso, mantén a súa vontade de alcanzar un acordo integral para restablecer o valor do investimento.

Entre os fitos financeiros, Reynés destacou a saúde financeira do negocio, cun beneficio neto ordinario de 1.245 millóns de euros (+57 %) e un resultado bruto de explotación ordinario (Ebitda) de 4.413 millóns (+12 %) a peche do exercicio. Non obstante, a compañía enerxética rexistrou, de forma extraordinaria, unhas perdas contables a nivel consolidado de 2.822 millóns de euros, debido a un axuste derivado do exercicio de valoración sobre os activos de xeración eléctrica convencional en España e un axuste no valor dos seus fondos de comercio principalmente.

Ante os accionistas o presidente asegurou que os datos de 2018 “mostran unha evolución positiva da nosa actividade ordinaria, aínda que será nos próximos anos cando veremos unha cristalización de maior valor e unha mellora dos resultados conforme vaiamos avanzando na execución das liñas estratéxicas”, sinalou.

O presidente explicou aos accionistas a evolución do plan de eficiencias, co obxectivo de reducir 500 millóns de euros anuais de custos comparables en 2022. Así, en 2018 avanzouse sobre o previsto e pechouse o exercicio cunhas eficiencias anuais recorrentes de 114 millóns de euros. Tamén destacou a importante xeración de caixa grazas “á evolución positiva dos negocios e aos desinvestimentos considerados no Plan, que se dedicaron principalmente ao crecemento, a reducir endebedamento e a retribuír ao accionista”, asegurou.

NTGY, un valor á alza

Durante a Xunta, púxose de relevo o bo comportamento da cotización da acción en 2018. O presidente destacou que a rendibilidade total para o accionista en 2018 foi do 23,1 %. “Unha proba máis da aposta clara desta compañía por achegar valor e retribuír de xeito claro aos seus accionistas”, aclarou o presidente, que recordou tamén o compromiso dun incremento mínimo do 5 % anual de retribución ao accionista ata 2022, segundo o compromiso do novo Plan Estratéxico.

A Xunta de Accionistas tamén aprobou o Incentivo a Longo Prazo para directivos que a compañía aprobou dentro do Plan Estratéxico. Con este plan, pioneiro en compañías cotizadas, Naturgy aliña directamente a retribución dos seus directivos cos intereses dos seus accionistas e vincula a retribución a longo prazo exclusivamente á rendibilidade total para os accionistas (dividendos pagados e apreciación da cotización) no período considerado.

Modificación do regulamento e cambio no Consello de Administración

A Xunta Xeneral Ordinaria aprobou ademais a xestión do Consello de Administración, a política de remuneración dos conselleiros de Naturgy para o período 2019-2021 e o plan de entrega de accións ao persoal do Grupo, entre os puntos da orde do día.

Así mesmo, informouse sobre a modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Administración e as súas Comisións. A partir de agora, tanto a Comisión de Auditoría coma a de Nomeamentos e Retribucións pasarán a ter maioría de conselleiros independentes, catro sobre un total de sete. Con iso, a compañía dá cumprimento ás recomendacións das mellores prácticas de goberno corporativo.

A Xunta ratificou o nomeamento de Scott Stanley (por proposta de GIP) como conselleiro dominical tras o seu nomeamento polo Consello de Administración o pasado 30 de xaneiro en substitución de William Woodburn. Stanley formará parte tamén da Comisión de Nomeamentos e Retribucións.

A Xunta Xeral de Accionistas contou coa asistencia de arredor de 750 persoas e acadouse un quórum próximo ao 85 %.

Madrid, 05 de marzo de 2019.