• A fundación da compañía enerxética organiza unha sesión co Concello de La Rinconada, e outras dúas coa Fundación Aljaraque

  • Ao redor de 70 persoas recibiron esta formación no que vai de ano na provincia de Sevilla.

A Fundación Naturgy organiza mañá unha sesión formativa da Escola de Enerxía no concello de La Rinconada, dirixida a familias que se atopan en situación de vulnerabilidade enerxética. O obxectivo é ofrecerlles pautas para realizar un consumo enerxético máis eficiente, reducindo o importe da súa factura sen perder as condicións de confort no fogar.

A convocatoria en La Rinconada, que se realiza da man do Concello da localidade, será o 13 de xuño. As outras dúas sesións terán lugar en colaboración coa Fundación Aljaraque os días 14 e 25 de xuño.

No que levamos de ano, a Fundación Naturgy xa organizou outras sete xornadas da Escola de Enerxía en distintas localidades de Sevilla, ás que asistiron ao redor de 70 familias vulnerables.

Nas sesións da Escola de Enerxía trabállanse temas relacionados coa eficiencia enerxética ou a optimización de facturas. Tamén se identifica quen pode ter acceso ao bono social, e se lles axuda a solicitalo. “O que buscamos é empoderar as persoas máis vulnerables, para que poidan minimizar o impacto do custo enerxético aplicando as medidas e consellos explicados nos talleres,” afirma Ester Sevilla, directora da área de Proxectos Sociais e Internacional da Fundación Naturgy.

A Escola de Enerxía é un proxecto da Fundación Naturgy, que está enmarcado no Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy. María Eugenia Coronado, directora xeral da Fundación Naturgy, salienta a alianza que manteñen con Administracións e con entidades sociais para levala a cabo: “Esta iniciativa é posible grazas á colaboración duns experimentados compañeiros de viaxe, como son as Administracións públicas e os profesionais e voluntarios de diversas ONG, como Cruz Vermella e Cáritas, e doutras moitas entidades sociais que fan un gran labor en concellos de toda España”.

Dende a súa posta en marcha en xuño de 2017, a Escola de Enerxía formou a máis de 15.600 persoas, entre familias en situación de vulnerabilidade enerxética e técnicos do terceiro sector e da Administración en toda España.

Calquera entidade ou concello que queira ofrecer este tipo de formación gratuíta pode poñerse en contacto coa Fundación Naturgy a través da páxina web da Fundación (www.fundacionnaturgy.org ou no correo escuelaenergia@naturgy.com.)

A Fundación Naturgy e o Plan de Vulnerabilidade Enerxética

O Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy é o primeiro desenvolvido por unha empresa enerxética española e data de 2017. O programa inclúe máis de 20 medidas, tanto operativas coma sociais, que teñen como obxectivo reforzar e sistematizar a xestión dos clientes vulnerables e fortalecer a colaboración coas entidades do terceiro sector e a comunicación cos Servizos Sociais.

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

Sevilla, 12 de xuño de 2019.