• Os equipos de telexestión recollen diariamente 45 millóns de rexistros de medida horaria en Galicia.

Unión Fenosa Distribución, filial de distribución eléctrica de GAS NATURAL FENOSA, pecha este ano coa cifra de 1.421.162 contadores intelixentes domésticos instalados e integrados no sistema de telexestión en 282 municipios de Galicia. Esta cifra representa o 93,4% do parque de equipos domésticos da compañía na comunidade autónoma.

Por provincias, instaláronse 646.017 novos contadores intelixentes na provincia da Coruña (o 93,9% do parque de contadores); 461.583 contadores en Pontevedra (o 91,9% do parque); 236.577 novos contadores na provincia de Ourense (o 96,1%) e 76.985 en Lugo (o 90,4% do parque lucense). Os equipos de telexestión recollen diariamente 45 millóns de rexistros de medida horaria en Galicia.

A substitución dos contadores continuará ata 2018, ano no que, segundo a regulación, todos os equipos domésticos deben ser intelixentes. Unión Fenosa Distribución distribúe enerxía a 1.521.600 puntos de subministración cunha potencia contratada inferior a 15 kW en Galicia.

Os novos contadores son un elemento clave no despregamento das redes intelixentes que abrirán novas posibilidades de servizo aos clientes nun futuro próximo. Grazas a elas, as distribuidoras poderán axilizar as operacións solicitadas polos consumidores, como altas, baixas, modificacións ou reconexións e, ademais, facilitarán as lecturas do consumo.

Proceso de cambio de contador

Antes da substitución do seu contador, os clientes reciben unha carta na que se os informa de que se vai proceder a instalar o novo equipo.

O cliente pode optar por instalar un contador da súa propiedade ou alugar o equipo á distribuidora.  No caso de que elixan a opción de alugueiro, un operario autorizado pola compañía acudirá ao domicilio do cliente para retirar o contador antigo e instalar o novo.

Durante o proceso, a subministración eléctrica interromperase brevemente e o novo contador comezará a funcionar de forma automática sen que o cliente teña que realizar ningunha operación.

En caso de calquera problema coa subministración, os clientes deben poñerse en contacto con Unión Fenosa Distribución no teléfono 900 111 999.

Vantaxes dos contadores dixitais

O despregamento dos contadores intelixentes permite mellorar o servizo prestado aos consumidores conectados ás súas redes eléctricas, xa que recolle os datos de consumo do cliente e os transmite, a través do propio cable eléctrico con tecnoloxía PLC, ata un concentrador situado no centro de transformación.  Este concentrador, con tecnoloxía sen fíos, envía a información aos sistemas da compañía distribuidora. As distribuidoras facilitan a información á comercializadora do cliente para a súa facturación e pona á disposición do usuario.

Tuluz, xestión dende dispositivos móbiles

Unión Fenosa Distribución conta tamén coa app gratuíta tuluz, que permite que os usuarios domésticos da súa rede consulten os datos do consumo eléctrico horario dende calquera dispositivo móbil. Esta ferramenta, dispoñible para Android, iOS e Windows, permite aos fogares, de forma sinxela, coñecer como utilizan a súa enerxía.

Tras un proceso de rexistro no sistema, o usuario ten acceso a unha gráfica e completa información sobre o seu comportamento enerxético no intervalo de tempo que seleccione: horario, diario, mensual… Cada día, o usuario ten á súa disposición a curva de carga horaria da xornada anterior.

Ademais, esta aplicación incorporou recentemente unha ferramenta pioneira no sector eléctrico español, que localiza nun mapa a zona na que se están a efectuar traballos de mantemento da rede eléctrica ou incidencias que puidesen estar a provocar unha interrupción do servizo.

                    A Coruña, 28 de decembro de 2017.