• Un total de 59 grupos de estudantes de Aragón, a Comunidade de Madrid, as Illas Canarias, a Comunidade Valenciana, Galicia e Castela e León participan na iniciativa.
  • Os gañadores coñeceranse no mes de maio, tras unha defensa pública ante un xurado profesional en Madrid.

Un total de quince centros de educación secundaria de toda España foron os seleccionados para participar no I Certame Tecnolóxico Efigy, unha nova iniciativa da Fundación Naturgy que ten como obxectivo fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a xuventude. Este proxecto, que ten o aval da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), conta nesta primeira edición con 59 grupos de estudantes.

Efigy, dirixido a alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO), é un certame de participación gratuíta. Con este programa, a Fundación Naturgy quere espertar a vocación dos estudantes por temas enerxéticos, tecnolóxicos e medioambientais, e promover unha educación en usos sostibles e responsables da enerxía. Ademais de reforzar a capacidade de investigación da xente nova, espertando a súa curiosidade e a súa creatividade, a participación neste certame facilita o traballo en equipo e as habilidades comunicativas dos estudantes.

A fundación pretende así afondar no seu papel formativo e de difusión de coñecementos, unha das súas principais liñas de actuación, de aí que os proxectos que os estudantes presenten neste certame teñen como requisito indispensable buscar solucións reais para mellorar a calidade do aire nas cidades, a eficiencia enerxética, as fontes de enerxía e a mobilidade urbana sostible.

Martí Solà, director xeral da Fundación Naturgy, recoñece a ilusión coa que inician esta actividade. “O que queremos con Efigy é posicionar o certame como unha convocatoria anual, onde os centros educativos teñan como referencia e animar a que aires novos contribúan coas súas propostas a mellorar o noso planeta, mediante a eficiencia enerxética, un dos selos de identidade da nosa fundación”, afirmou Solà.

Asesoramento especializado nos proxectos

O 73% dos equipos que participarán nesta primeira convocatoria pertencen a centros de Zaragoza, onde destacan o IES Siglo XXI, con 17 grupos, e o Colexio Británico de Aragón, con 10. O resto de participantes son: o CEIP Nuestra Señora del Carmen, o colexio La Anunciata, o colexio de Fomento Sansueña, as Escuelas Pías Santa Engracia, o colexio Montearagón, o IES Luis Buñuel e o IES Reyes Católicos.

Os outros centros educativos seleccionados en Efigy proveñen de Madrid (colexio Areteia e IES María de Molina), Tenerife (IES Santa Úrsula), Valencia (colexio San José HFI), Lugo (IES A Pinguela) e Ciudad Rodrigo (seminario diocesano San Cayetano).

Durante o campionato, os alumnos e os seus titores contarán co asesoramento dos educadores especializados da Fundación Naturgy, así como con materiais educativos que facilitarán a experimentación e o progreso das investigacións.

Todos os participantes de Efigy obterán un certificado e os gañadores coñeceranse o 8 de maio, cando os finalistas teñan que defender os seus proxectos en público na xornada “Efigy Challenge. I Congreso Tecnolóxico da Fundación Naturgy”, que terá lugar en Madrid.

Un xurado de expertos outorgará catro recoñecementos: un á proposta máis innovadora, outro á máis realizable e outro á mellor comunicada, que recibirán cadanseu premio por valor de 500 €. O cuarto premio distinguirá o centro educativo con maior implicación e apoio ao seu alumnado, e obterá un recoñecemento económico de 2.000 € para material educativo.

Fundación Naturgy e a súa vocación formativa da sociedade

O Certame Tecnolóxico Efigy forma parte do catálogo de propostas educativas e divulgativas coas que a Fundación Naturgy ten como obxectivo transmitir valores sobre o cambio de modelo enerxético, a preservación do medio ambiente e o consumo responsable da enerxía.

Dende a súa posta en marcha en 2012, case 700.000 nenos e mozos participaron nestas iniciativas educativas dirixidas a escolares de todos os niveis, entre as que salientan os recursos educativos online e presenciais para a aula, o Programa de Aprendizaxe-Servizo (APS) ou as experiencias itinerantes.

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. 

 

Madrid, 31 de xaneiro de 2019

Imaxes