• O parque, situado no estado de Nova Gales do Sur, a 90 km de Canberra, conta cunha potencia de 91 MW a través de 28 aeroxeradores.
  • A compañía investiu 177 millóns de dólares australianos (aproximadamente 110 millóns de euros) na construción deste parque que está enmarcado nun contrato de 20 anos de duración a tarifa regulada.

Naturgy, a través da súa filial de xeración internacional de enerxía eléctrica, GPG, participada tamén por Kuwait Investment Authority (a través de Wren House Infraestructure Management, a súa plataforma de investimento directo en infraestruturas) inaugurou o parque eólico Crookwell II en Nova Gales do Sur, dentro da ATC (Australian Capital Territory) a 90 quilómetros de Canberra, a capital australiana.

A infraestrutura ten unha potencia de 91 MW, conta con 28 turbinas e fará posible o abastecemento dunhas 42.000 vivendas en Canberra grazas á xeración de 300.000 megavatios/hora por ano de electricidade renovable.

A compañía investiu 177 millóns de dólares australianos (uns 110 millóns de euros) na construción deste parque que foi adxudicado no terceiro trimestre de 2016. A enerxía xerada está suxeita a un contrato de 20 anos de duración a tarifa regulada. Espérase que o parque contribúa a un EBITDA de aproximadamente 12 millóns de euros ao ano.

“Este é un paso moi importante no reforzo da nosa presenza internacional. Australia é un país moi atractivo para investir en proxectos de enerxías renovables ao combinar atractivas rendibilidades para os investidores con requirimentos sociais e medioambientais. Estamos moi satisfeitos por poñer en marcha o parque eólico Crookwell II, o primeiro dos que desenvolveremos neste país,” sinalou Francisco Reynés, presidente executivo de Naturgy.

Pola súa banda, Shane Rattenbury, ministro de cambio climático e sostibilidade da Australian Capital Territory (ATC) manifestou que é unha iniciativa fantástica que nos axuda a alcanzar o noso ambicioso obxectivo de electricidade 100% renovable, achegando o 10% dese obxectivo. Crookwell II está xa a subministrar electricidade renovable á rede nacional”.

A empresa está a desenvolver ademais na rexión outros proxectos innovadores en áreas como a tecnoloxía de cero emisións de hidróxeno.

Outros proxectos en Australia

Hai unhas semanas, o Goberno de Victoria anunciaba a adxudicación a Naturgy (a través de GPG) dun total de 180 MW de potencia de xeración nun proxecto eólico situado a aproximadamente 150 km da cidade de Melbourne. A construción do parque, denominado Berrybank supoñerá un investimento total de 259 millóns de dólares australianos (aproximadamente 166 millóns de euros) e prevese que empece a operar no segundo semestre de 2020. Espérase que este parque contribúa a un EBITDA de aproximadamente 22 millóns de euros ao ano unha vez que estea en pleno funcionamento.

Naturgy conta cunha carteira de proxectos de máis de 1.000 MW en Australia nos estados de Victoria e Nova Gales do Sur, dos cales ao redor de 500 MW están listos para o seu desenvolvemento en caso de adxudicación.

Sobre Global Power Generation (GPG)

Global Power Generation (GPG) é a filial de Naturgy Energy Group dedicada á xeración internacional, que conta cun 25% de participación de Kuwait Investment Authority (KIA), o fondo soberano máis antigo do mundo. A participación de KIA en GPG xestiónase a través de Wren House Infrastructure Management, a súa plataforma de investimento directo en infraestruturas. GPG xestiona unha capacidade instalada de 4.000 MW e ten un equipo formado por uns 800 profesionais.

 

Madrid, 05 de novembro de 2018

Imaxes

Lluís Noguera, conselleiro delegado de GPG 

O parque eólico Crookwell II.