• Trátase do primeiro investimento inorgánico de Naturgy tras a presentación do seu novo Plan Estratéxico 2018-2022 e do segundo investimento da compañía na rexión de Asia-Pacífico, a través da súa filial GPG.
  • O investimento total previsto na construción do parque eólico ascende a 259 millóns de dólares australianos, equivalentes aproximadamente a 166 millóns de euros, e cumpre cos criterios de investimento e rendibilidade establecidos por Naturgy no seu Plan Estratéxico 2018-2022.
  • Con este proxecto, Naturgy entra no TOP 5 de operadores renovables independentes en Australia, alcanzando unha potencia renovable de aproximadamente 270 MW na rexión.

O Goberno de Victoria anunciou hoxe a adxudicación a Global Power Generation (GPG), sociedade participada de Naturgy Energy Group, SA e Kuwait Investment Authority (KIA), dun total de 180 MW de potencia de xeración nun proxecto eólico situado a aproximadamente 150 km da cidade de Melbourne.

A construción do parque, denominado Berrybank supoñerá un investimento total de 259 millóns de dólares australianos (aproximadamente 166 millóns de euros) e prevese que empece a operar no segundo semestre de 2020. Espérase que o parque contribúa a un Ebitda de aproximadamente 22 millóns de euros ao ano unha vez que estea en pleno funcionamento.

“Este é un paso importante no reforzo da nosa presenza internacional. Australia é un país moi atractivo para investir en proxectos de enerxías renovables ao combinar atractivas rendibilidades para os investidores con requirimentos sociais e medioambientais. Estamos moi satisfeitos por gañar a confianza do estado de Victoria para o desenvolvemento deste relevante proxecto eólico”, sinalou Francisco Reynés, presidente executivo de Naturgy.

O proxecto eólico de Berrybank é unha oportunidade atractiva para que GPG continúe a súa estratexia de crecemento internacional e o seu investimento renovable en Australia, un mercado fundamental para GPG. Estamos encantados de traballar co estado de Victoria e a comunidade local neste importante proxecto”, dixo Karl Lim, vicepresidente de GPG e vicepresidente executivo de Wren House Infrastructure Management Limited.

O contrato adxudicado cumpre cos criterios de investimento e rendibilidade establecidos por Naturgy no seu novo Plan Estratéxico 2018-2022, xa que:

  • (i) consiste nun acordo de compra de enerxía (PPA) de 15 anos a unha tarifa regulada, apoiando o crecemento previsto en capacidade renovable de 3x durante o Plan Estratéxico 2018-2022,
  • (ii) excede os obxectivos de rendibilidade mínimos en liña coa estrita disciplina de capital da compañía para garantir a creación de valor, e
  • (iii) reduce o perfil de risco do grupo enerxético aumentando aínda máis a súa internacionalización, investindo en Australia, un país OCDE que presenta condicións moi atractivas para o investimento en enerxías renovables.

Este é o primeiro investimento inorgánico de Naturgy tras a presentación do seu novo Plan Estratéxico 2018-2022 o pasado xuño, e o segundo investimento de GPG en Australia, que supoñerá alcanzar unha potencia renovable de aproximadamente 270 MW na rexión, tras a construción do parque eólico Crockwell II de 91 MW que entrará en operación comercial no cuarto trimestre de 2018.

Naturgy conta cunha carteira de proxectos de máis de 1.000 MW en Australia nos estados de Victoria e Nova Gales do Sur, dos cales ao redor de 500 MW están listos para o seu desenvolvemento en caso de adxudicación.

Sobre Global Power Generation (GPG)

Global Power Generation (GPG) é a sociedade do Grupo Naturgy, dedicada a xeración internacional, que conta cun 25% de participación de Kuwait Investment Authority (KIA), a través de Wren House Infrastructure, o fondo soberano máis antigo do mundo, constituído en 1965. Xestiona unha capacidade instalada de 4.000 MW e ten un equipo formado por uns 800 profesionais.

Madrid, 11 de setembro de 2018