• O proxecto, pioneiro en España, ten como obxectivo reducir as emisións e mellorar a calidade do aire, tanto nas contornas urbanas coma portuarias de Barcelona e Palma de Mallorca.
  • A iniciativa, incluída no proxecto europeo CLEANPORT, enmárcase na colaboración da multinacional enerxética e a navieira co Port de Barcelona, a Generalitat de Catalunya e o Concello de Barcelona.

GAS NATURAL FENOSA e Baleària inauguraron hoxe no Port de Barcelona o primeiro motor de gas natural para transbordadores de pasaxeiros en España. As dúas compañías impulsaron o desenvolvemento e instalación do motor auxiliar, así como dun tanque de gas natural licuado (GNL) de 30 m³ (con autonomía dunha semana), no transbordador Abel Matutes de Baleària, que opera diariamente a ruta Barcelona-Palma de Mallorca. O proxecto de transformación do transbordador realizouse sen interferir nas operacións e rutas do barco.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente de Baleària, Adolfo Utor, o director xeral de Negocios Retallistas de GAS NATURAL FENOSA, Daniel López Jordà, e o presidente do Port de Barcelona, Sixte Cambra.

O presidente de Baleària, Adolfo Utor, sinalou que este proxecto "supón o primeiro paso firme na aposta de Baleària polo gas natural", en cuxo uso a navieira é unha das pioneiras a ámbito mundial coa construción actual de tres smartships propulsados por GNL. Utor remarcou que o compromiso co medio ambiente e o uso de enerxías non contaminantes “é unha determinación estratéxica da compañía”.

Pola súa banda, o director xeral de Negocios Retallistas de GAS NATURAL FENOSA, Daniel López Jordà, afirmou que o proxecto “é unha aposta importante da nosa compañía pola innovación, co obxectivo de lograr unha mellor calidade do aire, tanto na contorna urbana coma portuaria. O gas natural será un protagonista clave nos próximos anos no sector do transporte, pola súa clara contribución á redución de emisións e de partículas en suspensión.”

O presidente do Port de Barcelona, Sixte Cambra, salientou que esta iniciativa demostra unha gran visión de futuro por parte de Baleària e “marca o camiño que se debe seguir”. “Nesta liña, a peza clave do Plan de Mellora da Calidade do Aire do Port de Barcelona é a adopción do GNL como combustible alternativo de mobilidade, xa que, ademais de reducir notablemente as emisións á atmosfera, fai máis competitivo o transporte e, por extensión, tamén a industria. Ademais, contar con infraestruturas de subministración de GNL permitirá ao Port de Barcelona atraer os barcos “máis modernos e eficientes enerxeticamente”.

Un proxecto pioneiro para mellorar a calidade do aire urbano e portuario

O novo motor a gas natural está integrado na planta eléctrica do barco, o que permite un funcionamento con calquera dos auxiliares propios e sen impacto visual. O barco consume gas natural nas manobras de aproximación e saída do porto e para a produción de enerxía eléctrica durante o tempo que está atracado, polo que substitúe o combustible habitual. O transbordador, que ten unha eslora de 190 metros, dispón dunha capacidade de 900 persoas e 2.235 metros lineais de carga rodada. Coa aplicación deste sistema, conséguese unha redución de emisións e un aforro anual de preto de 4.000 toneladas de dióxido de carbono (CO2), máis de 60 toneladas de óxido de nitróxeno (NOx) e 6 toneladas de óxido de xofre (SOx).

GAS NATURAL FENOSA desenvolve dende hai anos solucións á medida innovadoras para aqueles segmentos de mercado que queiran ser exemplificadores nas transformacións cara a equipamentos de última xeración, que impliquen aforro económico e melloras medioambientais. Tras unha dilatada experiencia no medio terrestre, a compañía intérnase nos usos do gas natural para o sector marítimo.

O proxecto de GAS NATURAL FENOSA e Baleària intégrase na iniciativa CLEANPORT e está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa CEF-Transport. Conta ademais coa participación dos portos de Barcelona e Palma de Mallorca e a Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Primeiro bunkering do transbordador Abel Matutes

A compañía enerxética realizou o pasado mes de xaneiro a primeira carga, ou bunkering, de gas natural licuado (GNL) para o buque Abel Matutes de Baleària. A carga do gas natural enmarcouse no contrato de subministración enerxética que asinaron GAS NATURAL FENOSA e Baleària cando impulsaron o proxecto, e supuxo a primeira operación destas características realizada no Port de Barcelona.

Líder en subministración de GNL a cliente final

No último ano, GAS NATURAL FENOSA desenvolveu unha intensa actividade comercial a ámbito europeo para promover o uso do gas natural como combustible de propulsión marítima, consciente das vantaxes medioambientais que esta enerxía reporta ás contornas urbanas e marítimas. O uso do gas natural como combustible é unha das actividades estratéxicas da compañía enerxética que, actualmente, subministra máis de 6 TWh anuais, o que converte a GAS NATURAL FENOSA en líder na subministración de GNL a cliente final na Península Ibérica.

Sobre Baleària

Baleària é a navieira líder no transporte de pasaxe e carga nas conexións con Baleares; une Ceuta e Melilla coa península e ten presenza noutros catro países. A compañía é un referente de servizo, innovación e responsabilidade social no sector do transporte marítimo español. En 2016, a navieira transportou máis de 3.500.000 pasaxeiros e 5.000.000 de metros lineais de carga nas 18 liñas que opera e facturou 330 millóns de euros.

A aposta do Port de Barcelona polo GNL

O Plan de Mellora da Calidade do Aire do Port de Barcelona ten o obxectivo de reducir de xeito efectivo as emisións contaminantes da actividade portuaria a través dun total de 53 actuacións. O Port participa en diversos proxectos europeos para dotar o recinto portuario de toda a infraestrutura necesaria para subministrar GNL a barcos, camións e maquinaria de terminal.

 

  Barcelona, 1 de marzo de 2017.

Imaxes

Adolfo Utor, presidente de Baleària, Sixte Cambra, presidente do Port de Barcelona, Daniel López Jordà, director xeral de Negocios Retallistas de Gas Natural Fenosa, xunto ao capitán do transbordador Abel Matutes.
O transbordador Abel Matutes.

Infografías

Vídeos

Así foi a inauguración do primeiro transbordador de pasaxeiros con motor a gas natural

Descargar vídeo

En que consiste este proxecto entre Gas Natural Fenosa e Balearia?

Descargar vídeo

 

Por que se trata dun proxecto histórico?

Descargar Vídeo